Sunday 19 de May de 2024

O Concello de Lousame aumenta en cinco horas e media o horario de visitas ás minas de San Finx durante a Semana Santa


Un total de 150 alumnos e alumnas do colexio Jaime Balmes de Noia realizaron unha visita guiada ao poboado mineiro

O Concello de Lousame ampliará durante esta Semana Santa o horario de visitas ás minas de San Finx, que se verá incrementado en cinco horas e media: unha hora e media máis o mércores, xoves e venres; e media hora máis o sábado e domingo. Os novos horarios durante esta semana serán os seguintes: de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:30 horas. Así mesmo, haberá 5 visitas guiadas e gratuítas, sen necesidade de reservar praza, todos os días: ás 10:30, 11:30, 12:30, 17:30 e 18:30 horas.

Con esta ampliación de horarios, o Concello de Lousame quere facilitar a afluencia de visitantes aproveitando este tempo de vacacións. Unha afluencia que non deixou de medrar dende a incorporación dunha técnica de turismo e o novo horario de apertura do poboado mineiro. De feito, nos dous primeiros meses do ano xa suma 299 visitantes, fronte aos 210 rexistrados no primeiro trimestre de 2017.

Colegio Jaime Balmes

A estas cifras haberá que sumar as do mes de marzo, que con visitas como a recibida o pasado venres 23 seguro que rexistrarán un forte incremento. E é que ese día o complexo mineiro de San Finx recibiu a visita de 150 alumnos e alumnas de Secundaria do colexio Jaime Balmes de Noia.

“Os rapaces e rapazas realizaron unha visita pola contorna do poboado mineiro de San Finx, unha visita guiada polo edificio de talleres e polo edificio de compresores, así como unha proxección sobre a historia das minas”, explica Mónica Garrido, técnica de turismo.